Unha alumna do colexio San Fermín de Caldas de Reis gaña o concurso "Carta a un militar español"
Por Redacción
A alumna Icía Rey Castroman, de 4º da E. S.O., do colexio CPR San Fermín de Caldas de Reis, resultou ser a gañadora nacional absoluta do Concurso "Carta a un militar español", organizado polo Ministerio de Defensa.
A participación consistía en redactar unha carta a un militar español anónimo na que se reflectisen "Os valores das Forzas Armadas" que adoptaron na súa vida diaria e que son compartidos polo resto da sociedade.
A carta redactada pola alumna e titulada "Vidas de entrega" resultou ser a gañadora nacional do concurso por ampla maioría das puntuacións do xurado.
Nesta ocasión, o fallo cobra especial relevancia xa que se conseguiu un record de participación nacional de concursantes e centros educativos, ascendido a un total de 8.478 alumnos pertencentes a 458 centros escolares, un 40% máis que na edición anterior.
O acto de entrega de premios a nivel provincial está previsto levalo a cabo na sede da Subdelegación de Defensa en Pontevedra, o día 11 de maio, coincidente cos actos centrais do día da Subdelegación e entregado polo Subdelegado de Defensa, Coronel Ángel de Miguel Campos.
Así mesmo con anterioridade, o día 9 de maio ás 12:30 horas, está previsto realizar un acto central de entrega de premios á gañadora e finalistas, na sede do Ministerio de Defensa en Madrid, e presidido pola ministra María Dolores de Cospedal.
O premio para a gañadora consiste nun computador portátil Apple MacBook Pro, xunto cun diploma acreditativo, e para o centro docente un computador portátil e un proxector, xunto tamén co seu correspondente diploma.