Os servizos de medicina preventiva da provincia falan en Montecelo de bioseguridade ambiental
Por Redacción
O salón de actos do Hospital Montecelo acolleu este xoves unha xornada de traballo na que un grupo de expertos abordaron diferentes aspectos relacionados coa bioseguridade ambiental nos centros hospitalarios. O evento foi organizado polos servizos de Medicina Preventiva da provincia de Pontevedra.
Así, o médico preventivista Víctor del Campo, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, falou dos fungos ambientais como causa de infeccións asociadas á atención sanitaria.
Ademáis, un técnico da empresa Veolia falou sobre os parámetros que determinan a calidade do ar das salas controladas, como poden ser os quirófanos, por exemplo, e a física das instalacións de climatización nas zonas controladas dos hospitais.
Clausurou o evento o relatorio sobre a normativa actual e a actividade dos Servizos de Medicina Preventiva na bioseguridade ambiental dos hospitais, do que foi poñente o ex xefe de servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Vázquez Vizoso.