O PP esixe un plan de investimentos para a parroquia de Verducido
Por Redacción
Verducido é, segundo o PP, unha das parroquias de Pontevedra "máis castigadas" pola "parálise" e pola "inacción" do goberno municipal. De aí que os populares esixan unha serie de investimentos para corrixir as deficiencias que presenta.
A iniciativa, impulsada polo concelleiro Jose Luis Martín, solicita a reforma e arranxo do parque infantil de Verducido, do que destacan o mal estado dos accesos, o deterioro do valado que rodea a instalación, a falta de limpeza e a vexetación que invade moitas das zonas do recinto.
Ademais, piden a execución das obras de canalización necesarias en Covadáspera e Outeiriño para dar solucións aos problemas de inundacións que están a sufrir os veciños destes lugares; que se efectúen os traballos necesarios para poñer en funcionamento o rocódromo, o arranxo da pista que bordea o Pontillón do Castro e a mellora do seu parque natural.
Dentro do "abandono" que aprecian en Verducido, o PP recorda que é a única parroquia de Pontevedra que aínda non conta, "en pleno século XXI", do servizo básico de saneamento.
"Este é só un exemplo que demostra a falta de interese amosado por Lores en Verducido tras case vinte anos de goberno", lamentou Martín.