Unha actuación de 35.000 euros porá fin a 25 anos de inundacións en Areas
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo poñerá en marcha unha actuación para evitar as inundacións que, ano tras ano, en época de choivas, viñan sucedendo na zona de Areas. Impedían o paso de vehículos e dificultaban o acceso ás vivendas do lugar.
O obxectivo da actuación, que ten un orzamento de 35.000 euros, será evitar que se volvan a producir estas inundacións e a balsa de auga que alí se formaba.
A execución consistirá en recoller as pluviais e canalizar o seu curso para evitar ese estancamento e permitirá poñer fin a unha demanda de máis de 25 anos dos veciños da zona e usuarios da vía.
Doutra banda, esta semana comezaron as obras de remodelación da entrada da Casa Consistorial de Sanxenxo. O goberno local quere remodelar o acceso ao edificio da Casa Consistorial e reorganizar os espazos interiores co obxectivo de ofrecer un mellor servizo aos veciños e visitantes e garantir unha boa accesibilidade ás instalacións.
O Concello xa comezou unha obra que consistirá na construción dun novo acceso pola avenida de Madrid e unha nova división na primeira planta para reorganizar aos traballadores. O orzamento de execución da obra ascende a 31.400 euros e, mentres dure a mesma, o acceso ao edificio será pola rúa Consistorio.