Chegan as "Depoandainas 2018" con historias e Shirin-Yoku
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra presentou o programa "Depoandainas 2018", un proxecto totalmente gratuíto, moi exitoso no que participaron, o ano pasado, 1.500 persoas.
O obxectivo da actividade é promover o deporte ao tempo que se poñen en valor os recursos da provincia de xeito que, cada ano, as rutas xiran arredor do eixo de promoción turística nesta ocasión está centrado no patrimonio.
A primeira andaina terá lugar o 20 de maio nas Neves. Se tratará dun percorrido circular, dende diante da Casa do Concello, de dificultade media e distancia de 15,6 quilómetros a realizar en aproximadamente tres horas e media.
Nesta andaina, que se desenvolve no quilómetro cero do que foi a vaga de lumes do pasado outubro, nun concello co 90% do seu territorio afectado, realizarase como actividade transversal unha charla de concienciación, sensibilización e prevención dos incendios a través de persoal de medio ambiente. As persoas interesadas en participar nesta actividade terán que inscribirse, a través da web da Deputación de Pontevedra entre o 4 e 16 de maio.
Entre Moaña e Cíes discurrirá a segunda "Depoandaina 2018" no mes de xuño. Neste caso, trátase dun percorrido circular, dende o Parque da Xunqueira de Moaña, e dificultade baixa que percorrerá 6,5 quilómetros en Moaña e 8 en Cíes. Como actividade transversal, para esta andaina prevese impartir unha charla sobre as aves que habitan nas Illas Cíes.
A terceira "Depoandaina 2018", tamén circular e de dificultade media-alta, terá lugar o 8 de xullo cara o Castelo de Sobroso, saíndo dende a Casa do Concello de Mondariz e cun percorrido de 14 quilómetros.
Neste caso, a actividade transversal que propón a Deputación é unha explicación da historia do Castelo de Sobroso, a súa orixe e importancia, momentos clave dende a súa existencia e algunha das batallas libradas no seu seo, as persoas máis relevantes que viviron nel así como sobre o Castro de Troña. As persoas interesadas en participar nesta actividade terán que inscribirse, a través da web da Deputación de Pontevedra entre o 11 de xuño e o 4 de xullo.
A serra do Candán será a protagonista da cuarta "Depoandaina 2018" e terá lugar o 9 de setembro. Carmela Silva informou que será unha ruta circular, desde a aldea de Bustelos, de dificultade baixa e cun percorrido de preto de doce quilómetros polos concellos de Lalín e Silleda.
Como actividade transversal, prevese impartir unha charla sobre a flora e a fauna da zona así como un obradoiro de "Shirin-Yoku" ou "curación do bosque", "unha técnica cada vez máis estendida en Europa, principalmente en Alemaña, de relaxación e que consiste no contacto coa natureza", destacou Silva. As persoas interesadas en participar nesta actividade terán que inscribirse, a través da web da Deputación de Pontevedra entre o 9 de xullo e 5 de setembro.
A última "Depoandaina 2018" terá lugar o 7 de outubro e será un percorrido circular por Gondomar de 12,4 quilómetros a realizar durante tres horas.
Nesta andaina, como actividade transversal, se ofrecerá un taller de sendeirismo e orientación "con explicacións sobre as diferentes sinalizacións existentes, o seu significado e grao de dificultade, a interpretación das mesmas e tamén dos mapas, así como consellos e precaucións á hora de realizar andainas". O prazo para inscribirse na última ruta do programa permanecerá aberto entre o 10 de setembro e o 3 de outubro.