Ponte Caldelas pecha 2017 co maior superávit da súa historia, 729.000 euros
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de pechar o exercicio económico 2017 cunha situación económica que o goberno local asegura que non ten precedentes, pois o ano acabou cun superávit de 729.000 euros, o maior da súa historia. Trátase dunha cifra nunca acadada e que mesmo incrementa nun 63% o récord xa alcanzado o ano anterior.
Segundo informou o Concello, os indicadores que analizan as contas municipais son moi favorables e demostran que o ano 2017 rematou cun grao de execución do orzamento dun 85,54% e cunha clara tendencia a reducir o gasto ao tempo que se incrementan os ingresos.
O alcalde, Andrés Díaz, aprobará a liquidación de 2017 nos próximos días, con vistas ao seu envío ao Ministerio de Hacienda e á dación de conta ao pleno da corporación.
Ao respecto, insiste en que "agora Ponte Caldelas reduce débeda baixando os impostos á veciñanza, unha tendencia claramente contraria á que había co goberno anterior, cando se subían os impostos e se incrementaba a débeda ano tras ano".
Usando como fonte o informe de Intervención, explica que o actual goberno local herdou un concello atosigado e, despois de tres anos, logrou unha economía saneada e dunha política económica que incrementa os ingresos e controla o gasto. "Endereitou o rumbo das contas municipais e permite mirar ao futuro con optimismo", indica.
O informe de Intervención destaca que Ponte Caldelas aprobou un orzamento para 2017 de 3.386.422 euros, pero tivo que modificalo varias veces por mor do crecemento nun 16% nos capítulos de Ingresos. No capítulo de gastos, o Concello foi quen de reducir as súas obrigas recoñecidas en algo máis de 30.000 euros con respecto ao ano anterior.
O Concello foi quen de manter o gasto corrente no 52% e o gasto de persoal no 27%. O período medio de pago aos proveedores quedou calculado en 6,4 días.