Cada deputado supón para as arcas públicas un gasto de 250.000 euros anuais
Por Oskar Viéitez
Con 237 alumnos inscritos, o XVIII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo-VII Xornadas de Comunicación Institucional e Imaxe Pública abríronse este mércores na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Fixérono co propósito de promover unha reflexión "con carácter científico e crítico" dunha disciplina que se centra na "linguaxe simbólica do poder, da cortesía e da organización", como salientou Fernando Ramos, director das xornadas.
Preto de 20 especialistas e profesionais protagonizarán as diferentes conferencias do que é "o curso máis antigo da universidade, que se vén celebrando sen solución de continuidade desde hai 18 anos e tamén o que acada máis alumnado", como salientou o seu director.
Na inauguración das xornadas o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, trazou un percorrido polos 36 anos de historia da Cámara, as funcións e funcionamento do Parlamento de Galicia, que definiu como o "máis eficiente de España".
Santalices apuntou por unha banda á "capacidade lexislativa produtiva", que motivou a presentación de máis de 24.000 propostas na anterior lexislatura, fronte ás 1.500 da primeira, e, por outra, ao custo que supón para as arcas públicas por deputado e deputada, que se situaría, sinalou, nos 250.000 euros anuais, un gasto que se sitúa na metade "do que supón nos parlamentos de Cataluña e Andalucía".