Poio estrea cinco rutas de sendeirismo polo municipio
Por Redacción
Cinco rutas de sendeirismo. É a oferta que preparou o Concello de Poio para fomentar a práctica do deporte e dunha vida saudable no municipio. Enmárcanse dentro do programa Poio Móvese e están deseñadas para todas as idades.
Cada unha destas rutas terá un reclamo patrimonial e contarán con diversas lonxitudes e dificultades. Esta iniciativa, que se estreará con camiñadas guiadas, poñerase en marcha a partir do próximo domingo 22 de abril, ás dez da mañá.
A primeira delas será a denominada Ruta da Memoria. Trátase dun percorrido de oito quilómetros que partirá do Parque da Memoria e, tras pasar por Campelo, Lourido e Portosanto chegará ao Casal de Ferreirós. O Concello poñerá un autobús a disposición dos participantes para regresar ao momento de partida.
Para inscribirse haberá que enviar un correo electrónico a deportes.poiomovese@concellopoio.gal ou chamar ao teléfono 986770001, ext. 1214.
O resto das rutas serán traxectos circulares e as visitas organizadas realizaranse ao longo de todo o ano.
Así, o 27 de maio estrearase a chamada Ruta Verde, que terá 16 quilómetros e contará co gran atractivo de visitar o bosque de secuoyas do monte Castrove, partindo e chegando á Praza da Chousa de Combarro.
A Ruta dos Muíños será a proposta para o 24 de xuño e contará con oito quilómetros que discorren pola parroquia de Armenteira; mentres que o 23 de setembro farase a Ruta da Arte, cos petróglifos da Caeira como gran atractivo. Serán, neste caso, doce quilómetros.
A última camiñada proposta é a Ruta da Ría, o 28 de outubro, con saída e chegada no mosteiro de Poio e desde a que se poderán divisar as belas paisaxes que deixa a ría de Pontevedra no municipio.
O Concello sinalizará estas cinco rutas para que, a partir de agora, poidan ser gozadas tanto polos veciños como polos visitantes doutros concellos. Todos os paneis contarán con códigos QR para recibir a información do trazado en dispositivos móbiles.