Dous identificados por unha brutal malleira a dúas persoas por vinganza en Vilaboa
Por Redacción
A Garda Civil logrou identificar dous dos tres presuntos autores dunha brutal malleira que recibiron dous veciños de Soutomaior nun local de lecer de Vilaboa a pasada fin de semana. Deixáronos semiinconscientes e tiveron que ser trasladados ao complexo hospitalario de Pontevedra para ser asistidos dos golpes recibidos.
Segundo informou a Garda Civil, cobra forza a hipótese de que a agresión se realizou por vinganza, pois había malas relacións previas entre o detido -o segundo identificado está investigado, pero non arrestado- e unha das vítimas.
Os feitos sucederon a madrugada do venres 13 de abril nas inmediacións dun local de lecer próximo á estrada N-550 en Vilaboa. Os dous veciños de Soutomaior desprazábanse nun vehículo con dirección á localidade de Arcade cando os ocupantes doutro vehículo increpáronos e chegaron a embestilos varias veces. Dada a situación, optaron por desviarse da ruta e refuxiarse nun local de lecer situado á beira da estrada nacional.
Segundo o relato das vítimas, nas inmediacións do local foron abordados de forma violenta polos tres ocupantes do vehículo que os perseguía. Mentres un deles os ameazaba intimidándoos, supostamente cunha pistola, os outros dous golpeáronos brutalmente con senllos bates de béisbol.
A brutal malleira deixou aos dous veciños de Soutomaior practicamente inconscientes, tirados no chan. Tiveron que ser auxiliados polo persoal do local, que non ten nada que ver nin está relacionado cos incidentes.
Axentes da Garda Civil de Moaña acudiron rapidamente no lugar dos feitos e abriron unha investigación que permitiu a identificación de dous dos supostos autores.
Trátase do veciño de Vilavoa F. C. C., de 43 anos, que foi detido polos delitos de ameazas graves e lesións; e o veciño de Tui J.A.G., de 48 anos e investigado penalmente polos mesmos delitos. Ambos os dous pasaron a disposición do xulgado de garda de Cangas, que decretou a liberdade provisional do detido cunha orde cautelar de afastamento que lle impide achegarse ás vítimas.
Segundo puido determinar a Garda Civil, estes dous identificados recolleron o coche que conducían nun establecemento de compra venda de vehículos de Redondela alegando que querían probalo porque estaban interesados na súa adquisición.
A investigación continúa aberta para o total esclarecemento dos feitos.