Pablo Álvarez Montesinos, novo xefe da Policía Autonómica en Pontevedra
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, realizou este martes unha recepción oficial ao novo xefe provincial de Pontevedra da Unidade de Policía Nacional adscrita a Galicia, a coñecida como Policía Autonómica. Trátase de Pablo Álvarez Montesinos.
O novo responsable policial, que estivo acompañado polo xefe accidental da Unidade, o inspector xefe José Bouzada Crespo, substitúe no cargo a José Manuel Sánchez, quen cesou por xubilación.
Álvarez Montesinos ingresou na Policía Nacional no ano 1979 e, desde entón, ocupou diversos postos de responsabilidade en distintos destinos. Entre outros, formou parte da Reserva Xeral (hoxe denominada Unidade de Intervención Policía, UPR); e obtivo destinos na Xefatura Superior do País Vasco, na Comisaría de Pontevedra, na Comisaría provincial de Ceuta ou na Xefatura Superior de Policía de Galicia como xefe de grupo de UPR.
En 2011 ascendeu á categoría de Inspector Xefe, sendo destinado á Comisaría local de Santiago de Compostela ata o seu nomeamento como xefe provincial de Pontevedra da Unidade Adscrita. No seu currículo destacan dúas medallas ao Mérito Policial con distintivo branco, entre outras felicitacións e recompensas.
A subdelegada do Goberno tamén participou este martes nun acto cun grupo de alumnos de terceiro curso de ESO do IES Ramón Cabanillas de Cambados, premiados cunha xornada de seguridade viaria no I Concurso de Debuxo e Relato contra a Violencia de Xénero, fallado en novembro. A gañadora foi Nicole Oubiña Vilas, co seu relato 'El'.
Ana Ortiz acudiu co xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, e a xefa provincial de Tráfico, María Isabel Alonso de Linaje, xa que a DGT é a organizadora da xornada.
Axentes do Subsector de Tráfico e persoal da Xefatura de Tráfico explicáronlles aos alumnos o funcionamento dos diferentes equipos de control e vixilancia de tráfico, como drogotest, etilómetros dixitais e radares móbiles. Ademais, tiveron a oportunidade de probar as lentes simuladoras de exceso de alcol e superar varias probas, así como de visitar o helicóptero 'Pegasus' da DGT.
Os obxectivos da xornada son que o alumnado poida coñecer as consecuencias físicas, psíquicas e sociais derivadas do consumo de distintas drogas e alcol; desenvolver unha actitude positiva e de respecto cara aos que non realizan actividades de risco; analizar a presión grupal como factor favorecedor do inicio no consumo de drogas e alcol, promovendo unha actitude crítica e, por último, adquirir coñecementos e pautas de actuación para a redución de riscos.