Detido o sospeitoso de dez roubos en garaxes de Pontevedra e 129 de Ourense
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra detivo na cidade un home de 41 xa coñecido en ambientes policiais polos seus antecedentes ao que se lle atribúen dez delitos de roubo con forza en interior de vehículos estacionados en garaxes comunitarios de Pontevedra e outros 129 de Ourense.
Fontes policiais informaron de que o home é natural da Coruña e non ten domicilio fixo, pero nos últimos tempos estivo residindo na cidade de Pontevedra. Xa fora detido 11 veces no pasado e esta fin de semana, tras pasar a disposición xudicial, quedou en liberdade en calidade de investigado.
Os feitos que motivaron a detención suceden a partir do mes de novembro do 2017 en Ourense, pero, tras a detención do home en Pontevedra, comprobouse que tamén había casos na cidade do Lérez.
En novembro empezaron a detectarse vehículos violentados nos cales se apreciaba unha marca deixada por un obxecto punzante no marco dos portelos. Trátase dunha marca de dous centímetros na parte da goma que fixa o portelo á carrocería.
Este modus operandi non é habitual nos roubos rexistrados en Ourense, pois normalmente úsanse obxectos contundentes como pedras, martelos ou extintores, que non deixan ningunha marca no portelo.
En todos os casos, os danos causados aos vehículos son notorios e os obxectos que subtraen son de escaso valor, de modo que a hipótese que mantivo a Policía Nacional de Ourense desde o principio apuntaban a que o responsable dos roubos cambiaba os obxectos por pequenas cantidades de droga para cubrir as súas necesidades.
Durante o mes de febreiro do 2018 a comisión destes feitos delituosos concentráronse nun número moi elevado de feitos nun só día, pasando a cometerse con maior frecuencia, e sempre en horario nocturno e en interior de garaxes.
A Policía de Ourense abriu unha investigación e puxo en marcha dispositivos operativos entre novembro e febreiro e lograron identificar a un home sen domicilio coñecido que se traslada a distintas cidades de Galicia en tren. As súas estancias en Ourense coincidían cos feitos denunciados. Non conseguiron localizarlle, de modo que se emitiu unha requisitoria policial de procura, localización e detención.
Finalmente, foi detido o pasado sábado 14 de abril por axentes da Policía Nacional de Pontevedra. Tras ser arrestado, comprobaron que tiña no seu poder efectos intervidos tanto en Ourense como en Pontevedra. Os donos dos garaxes afectados recoñeceron que eran seus.