O colexio de Carballedo terá un novo acceso e un aparcadoiro
Por Redacción
Un investimento de 60.000 euros, que sae do Plan de Obras 2018, permitirá ao Concello de Cerdedo-Cotobade dotar ao colexio de Carballedo dun novo acceso e dun aparcadoiro.
O proxecto, que ten un prazo de execución de 40 días, inclúe o desmonte e a habilitación de estacionamento, a dotación de pluviais, a pavimentación do firme de terra e marxes de formigón.
Así, búscase incrementar a seguridade e ofrecer alternativas de comunicación a un dos centros educativos máis importantes do municipio.
Ao abeiro deste proxecto, estase acometendo unha escavación e desmonte da zona para habilitala como espazo de aparcadoiro.
Posteriormente realizarase a dotación dun sistema de evacuación de pluviais e a mellora do firme -actualmente en terra- cunha base de zahorra e dúas capas de aglomerado en quente, así como a creación dun bordo de formigón.
O presidente municipal, Jorge Cubela, cualificou este investimento como “fundamental” para incrementar a seguridade viaria na contorna do colexio, para ofrecer alternativas de conectividade no acceso ao recinto e tamén para favorecer o estacionamento e parada, tendo en conta a presenza do transporte escolar e de moitos vehículos a certas horas do día.