3.000 motoristas invadirán Ponte Caldelas este sábado
Por Redacción
Carlos Figueroa, Eva Lago e Domingo Jáñez son os organizadores da concentración moteira que se celebra este sábado 21 en Ponte Caldelas. Este martes mantiñan un encontro co alcalde Andrés Díaz para concretar a organización deste evento que contará coa presenza de máis de 3.000 afeccionados ás motos.
Nesta ocasión o recinto de acollida será o paseo da praia da Calzada, onde se instalará un arco de benvida para todos os que se queiran achegar, que xa están a realizar consultas aos organizadores a través das redes sociais.
Desde o goberno local espérase que, a pesar da previsión de choivas matinais, a cita sexa un éxito e se manteña unha gran actividade grazas a unha programación que se iniciará ás 15.00 horas coa música do DJ Master Music.
Ás 17.00 horas sairá a ruta moteira pola comarca en dirección ao municipio da Lama pasando por Cerdedo-Cotobade e baixando por varias parroquias de Ponte Caldelas. Trátase dun percorrido de 45 quilómetros que finalizará con petiscos para os asistentes.
Ás 19.00 horas, o condutor de quads e dobre campión galego de acrobacias Dani Pérez ofrecerá unha exhibición que continuará con xogos moteiros con diversas probas de habilidade. Ás 21.00 horas, Dani Pérez ofrecerá unha segunda sesión e, a partir das 22.00 horas, repartiranse agasallos e continuará a música ata a noite.