As entidades sociais de Marín fan posta en común da súa actividade
Por Oskar Viéitez
Co obxectivo principal de coordinar os recursos e as necesidades que xurden na vila, este luns tivo lugar no Concello de Marín a reunión bimensual da concellaría de Servizos Sociais coas organizacións non gubernamentais (ONG) que traballan neste municipio.
Na reunión falouse das axudas do Plan Social de Ence, do que seis entidades se beneficiaron o ano pasado, e voltarán a solicitalas este ano, así como as axudas nominativas que o concello lles outorga cada ano.
Outro asunto que se tratou foi a problemática do alto custo dos alugueres en Marín, e a reticencia que sofren algunhas persoas por non ter recursos fixos ou polas elevadas fianzas a desembolsar.
Na reunión tamén se abordaron as axudas en produtos de limpeza e hixiene corporal, xa que se converteu nun dos produtos máis demandados, e que nas campañas de recollida son dos que menos se dá. Polo tanto ademais dos produtos doados pola Fundación Humana valorados en 2.500 euros anuais, o Concello achegará outra parte para tratar de cubrir a demanda.
Tamén se falou das denuncias publicadas en redes sociais sobre bolsas de roupa e comida que apareceron tiradas e incluso acusacións sobre persoas que venden ou trocan estas bolsas. As entidades sociais quixeron aclarar que son entidades sen ánimo de lucro, xestionadas por persoas voluntarias, polo que solicitan á cidadanía que no caso de ter coñecemento de algunha destas accións, se dirixan a elas, á Policía Local ou ao Concello, para poder así tratar de investigar aos responsables, para poder poñer solución e que non quede en entredito o seu labor.
Estas entidades recomendan que as campañas de recollida de roupa se fagan con organizacións recoñecidas que garanten que o reparto se fai seguindo os criterios establecidos. Pola súa banda, éstas se comprometeron a coordinarse mellor.