Cuntis quere alugar terreos para habilitar un aparcamento público
Por Redacción
Unha parcela con espazo para aparcar un mínimo de 80 vehículos. É un dos requisitos que marcou o Concello de Cuntis para todos aqueles veciños que queiran ofertar terreos nos que habilitará un aparcamento público que dea servizo ao casco urbano.
O goberno municipal está disposto a alugar o terreo ao entender que é fórmula máis axeitada para poder impulsar un equipamento moi necesario na vila, ante a carencia de prazas de aparcamento, especialmente en horas punta.
O aparcamento na vila sóese facer na vía pública, segundo o Concello, ao longo do bordo das beirarrúas, o que é prexudicial para a libre circulación dos vehículos nas zonas de gran tráfico e nas vías estreitas.
Ademais no casco antigo, debido á ausencia de zonas delimitadas para o paso de peóns, este problema faise especialmente grave debido ao perigo que supón para a seguridade dos viandantes.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este luns os requisitos que ten que cumprir os terreos en cuestión para poder presentarse a este proceso.
Así, entre outras cousas, a parcela deberá estar preto do casco antigo e do centro da vila, primarase que o acceso ao aparcamento se realice directamente dende a N-640 e deberá ter unha capacidade mínima para uns 80 coches.
As ofertas presentadas non poderán superar os prezos establecidos no prego (IVE non incluído), que son 2,48 euros anuais por metro cadrado en terreos de ata 1.000 metros cadrados; ou 1,65 euros por metro cadrado teñen entre 1.000 e 2.100 metros cadrados.
O contrato asinarase por un ano, prorrogable por dous anos máis.