A reforma de Cruz Vermella interesa a trece empresas
Por Alejandro Espiño
Un total de trece empresas presentaron as súas ofertas para executar a reforma integral da rúa Cruz Vermella, un proxecto que ten un orzamento de licitación de 1,4 millóns de euros.
As propostas técnicas foron presentadas polas empresas Elsamex, Xestión ambiental de Contratas, Caldevergazo, a UTE Ediserpo-Ogmios, COVSA, a UTE Naturgalia - SYR-AMG, Nexia, EC Casas, a UTE Acevi - HM (Hidromiño), Ovisa, Provisa, Prace e Oresa.
O goberno municipal agarda que, nun período de quince días, se poida abrir a oferta económica e adxudicar os traballos, que teñen un prazo de execución de dez meses.
A actuación máis ambiciosa que se enmarca dentro deste proxecto é a creación dunha nova praza pública, na confluencia con Padre Gaite, para darlle un carácter peonil a un ámbito onde se sitúa un centro educativo, as instalacións da Cruz Vermella e un pavillón de deportes.
Ademais, reformarase o resto da rúa acorde aos estándares aplicados no seu primeiro treito. Así, haberá máis espazo peonil con beirarrúas de máis de tres metros, ordénase o aparcamento nunha única beira da calzada e regularízase o mobiliario urbano.
Tamén se actuará nas rúas Álvaro Cunqueiro e Salustiano Portela Pazos, cunha reforma similar, e na rúa Padre Gaite, onde se refará a beirarrúa enteira e eliminaranse os plátanos que son unha barreira para a accesibilidade na beira do pavillón universitario
A reforma complétase coa renovación das redes de saneamento, auga e electricidade, a instalación de novo mobiliario urbano, o cambio integral na iluminación e un novo arborado, que terá un tratamento diferenciado en cada zona.
Segundo o proxecto, na rúa Cruz Vermella plantaranse cinamomos, en Salustiano Portela Pazos e Álvaro Cunqueiro serán arces platanoides e na rúa Padre Gaite, tilos de folla pequena. Un conxunto de magnolios e tres plátanos dos existentes decorarán a nova praza.
Relacionadas:
-
A reforma de Cruz Vermella estará rematada no primeiro trimestre de 2019
Por Redacción |
-
A reforma de Cruz Vermella comezará coa construción da nova praza peonil
Por Alejandro Espiño |
-
Adxudican á empresa COVSA a reforma de Cruz Vermella por 1,1 millóns
Por Redacción |
-
As obras en Cruz Vermella incluirán a reforma da Praza da Castaña
Por Redacción |
-
Licitan a reforma do treito final da rúa Cruz Vermella
Por Redacción |
-
A contorna da sede da Cruz Vermella só contará con aparcadoiros para servizos
Por Redacción |
-
Unha nova praza peonil, similar á do Hospital, unirá Cruz Vermella con Padre Gaite
Por Alejandro Espiño |