Dous detidos tras unha "violenta" batalla campal en pleno centro de Pontevedra
Por Redacción
Dúas persoas foron detidas tras unha multitudinaria pelexa que ocorreu esta pasada madrugada na rúa José Casal, en pleno centro da cidade de Pontevedra. O detonante, un problema entre dúas familias, ambas de orixe romanesa.
Segundo confirmaron fontes policiais, estas dúas persoas atópanse nos calabozos da comisaría provincial da Policía Nacional e pasarán a disposición xudicial nas próximas horas.
Preto dunha trintena de persoas participaron nesta auténtica batalla campal que tivo a súa orixe nun altercado ocorrido nas inmediacións da praia fluvial do Lérez, na avenida de Buenos Aires, sobre as oito da tarde do domingo.
O enfrontamento entre as dúas familias continuou, sobre a unha da madrugada, na rúa José Casal, onde reside un destes clans que, segundo os investigadores, manteñen un conflito desde hai tempo. Houbo incluso denuncias polo medio.
Foi, segundo testemuñas presenciais, unha liorta "violenta" e "moi dura" que causou un enorme balbordo no barrio. Incluso tiraron obxectos á rúa desde a ventá dun dos domicilios.
Varias persoas resultaron feridas durante esta liorta, entre eles dous axentes da Policía Local e un da Policía Nacional, que foron agredidos a patadas e puñadas por un dos detidos, que portaba un martelo. Todos eles tiveron que recibir asistencia sanitaria.