O albariño conquista aos xaponeses
Por Oskar Viéitez
Galicia parécese moito máis a Xapón do que a priori poderiamos pensar. Así se expresaban os integrantes da misión inversa que ata o xoves visita a Denominación de Orixe Rías Baixas, acompañados por Chieko Konagaya, analista de mercado de produtos Agroalimentarios da Ofcomes de Tokio.
Os visitantes comezaron a súa estancia polo Salnés, onde puideron visitar catro bodegas e algo de viñedo, aínda que a climatoloxía non acompañou a súa visita. De calquera forma os nipones mostráronse encantados de poder catar os viños Rías Baixas no seu propio territorio, descubrir a súa versatilidade e perfecta maridaxe cos sabores que caracterizan a gastronomía xaponesa, á vez que coñecían as formas de cultivo que lle dan a súa personalidade e características aos viños da Denominación de Orixe.
Segundo explicou Rosa Martínez, técnico de marketing do Consello Regulador, chamoulles especialmente a atención ver os viñedos tan próximos ao mar, o que lle dá esa influencia tan claramente atlántica.
Martínez tamén explicou que o país nipón é o principal mercado do continente asiático para esta denominación xa que se trata dun mercado de futuro, cunhas vendas de 45.450 litros en 2011, o que supuxo un incremento superior ao 15% con respecto á campaña anterior.
Neste sentido tamén se expresou Konagaya, esta muller ofrecerá un seminario sobre o mercado xaponés este próximo venres na sé do Consello Regulador. A analista de mercados xaponesa explicou que os viños de Rías Baixas teñen grandes posibilidades no mercado do seu país xa que maridan moi ben coa súa gastronomía. Actualmente comercializan os seus viños en Xapón entre 30 e 40 bodegas da D.O. Rías Baixas, por iso é polo que coñecemos estes viños pero a cata no seu lugar de orixe apórtanos unha experiencia máis enriquecedora, explicou Konagaya.