O mal estado da praia de Nanín e da rúa Castelao motiva as queixas do PSOE de Sanxenxo
Por Redacción
A situación da praia de Nanín "pon en perigo a saúde pública da cidadanía", acusa o grupo municipal do PSOE de Sanxenxo.
Así o asegura o seu representante Ainhoa Fervenza ante a cualificación de "insuficiente" na calidade das augas deste areal durante os últimos anos, o que asegura tras cinco anos de probas negativas supón que deixou de estar catalogada como zona de baño dentro do censo autonómico.
Para que volvese ser zona de baño, o municipio debe de realizar as actuacións necesarias que revertan esta situación e a continuación solicitar de novo a súa inclusión no censo da Consellería de Sanidade, a través do Programa de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño.
Por ese motivo o PSOE reclama medidas ao goberno local, ao que pregunta que actuacións realizou para localizar o foco de contaminación e eliminalo.
RÚA CASTELAO
A portavoz socialista tamén puxo o foco nas queixas recibidas polo mal estado das beirarrúas da rúa Castelao.
"Parece máis unha xincana que un viario", asegura Fervenza sobre as tapas de sumidoiros con desnivel, beirarrúas con baldosas levantadas ou o afundimento en diversos tramos.