A ordenanza de terrazas supera o trámite de exposición pública sen alegacións
Por Alejandro Espiño
Os preto de 2.000 veladores -mesa e catro cadeiras- duns 300 locais de hostalería de Pontevedra terán que adaptarse moi pronto a unha nova normativa. Non se presentou ningunha alegación á modificación da ordenanza de veladores, aprobada no pleno municipal o pasado mes de febreiro, durante a súa exposición pública.
Unha vez entre en vigor a nova normativa, algo que se producirá antes do verán, os hostaleiros terán un prazo de seis meses para adaptarse aos cambios que se introducen nesta regulación municipal.
Iso si, este indulto temporal non se concederá para os peches de plástico que protexen as terrazas da choiva e o vento, que deberán ser retirados de inmediato.
Os hostaleiros que non os retiren serán sancionados polos servizos de disciplina urbanística. Será unha infracción moi grave, que pode carrexar unha sanción de ata 3.000 euros.
As terrazas terán, a partir de agora, un horario único que irá das nove da mañá ata a unha e media da madrugada. O horario será o mesmo de luns a domingo. Haberá excepcións en eventos especiais. Non se permitirá, neste sentido, colocar a terraza antes desa hora aínda que non se utilice.
Outros cambios inclúen que a ocupación do espazo público deberá garantir sempre a accesibilidade, non se poderán colocar mesas ante portais ou locais comerciais nin diante de entradas a garaxes e amplíase a 1,80 metros a distancia mínima que deberá haber libre nunha beirarrúa.
Os técnicos municipais incluíron tamén unha serie de recomendacións respecto ao uso de sistemas de calefacción ou materiais dos veladores.
A modificación desta ordenanza foi un proceso no que, lembran desde o Concello, houbo un alto grao de consenso entre hostaleiros, veciños, colectivos de persoas con diversidade funcional e partidos políticos.
Relacionadas:
-
As terrazas poderán abrir ata as dúas e media da madrugada no verán
Por Natalia Puga |
-
Satisfacción no Concello polo "alto grao" de cumprimento da normativa de terrazas
Por Alejandro Espiño |
-
Os hostaleiros terán unha moratoria de seis meses para adaptarse á nova normativa
Por Alejandro Espiño |
-
Adeus aos peches das terrazas dos bares
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra xuntará os hostaleiros para presentar a ordenanza de terrazas
Por Alejandro Espiño |