Cerdedo-Cotobade eleva o seu orzamento ata os 5,11 millóns de euros para 2018
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade presentou o seu proxecto de orzamentos municipais para o ano 2018, elevando un 3,3% a súa contía en comparación co exercicio anterior.
Desta forma as contas, as segundas tras a fusión e que serán debatidas agora na Comisión de Facenda, elévanse ata os 5.118.141 euros, o que supón consolidar o importante incremento con respecto ao que dispoñían Cerdedo e Cotobade por separado (aproximadamente 3,3 millóns) a pesar dun lixeiro descenso das transferencias procedentes doutras administracións.
"Son unhas contas que asentan as bases do Concello, actuando parroquia a parroquia e lugar a lugar, e que se complementan cos moitos recursos que se conseguen con xestión política e petando nas portas de todas as administracións", sinalou o presidente municipal, Jorge Cubela.
Entre os diferentes apartados o goberno local destaca o investimento previsto con fondos propios de 1.460.584 euros, distribuídos en 1,21 millóns para actuacións directas do Concello e 248.328 euros en subvencións nominativas ás comunidades de augas e de montes para a construción de depósitos de augas e outras melloras no abastecemento.
En canto a investimentos directos, acometeranse a urbanización e aparcadoiro da Chan (101.653 euros de achega municipal dun total de 607.000 euros), a mellora da pista deportiva de Cerdedo (101.027 euros), a reforma da Casa do Emigrante de Carballedo (165.000 euros), o acondicionamento da planta alta do almacén municipal (165.495 euros), o ensanchamento do camiño do Quinteiro, Ponte, en Cerdedo (100.481 euros), mellora de camiños municipais en Cerdedo co acceso a Esbarrela e outros (120.602 euros), pavimentacións en Sacos, San Xurxo e Viascón (160.575 euros), accesos a Carballedo, Loureiro, Famelga e Valongo e execución de cunetas (145.650 euros) e mellora nas comunicacións da parroquia de Tenorio e ensanchamento do camiño de Vilanova (151.769 euros).
Tamén se contemplan 60.000 euros para a redacción do proxecto de construción da futura residencia da terceira idade de Carballedo, e 38.000 euros para a futura Casa do Pobo de Tenorio, unha parroquia na que se investirán ademais 120.000 euros para a reforma do local da Banda de Música.
Estes investimentos propios completaranse, asegura o goberno local, con novas infraestruturas e servizos que serán financiados por outras administracións por valor de 6,6 millóns de euros.
Finalmente, nos orzamentos destaca a conxelación de impostos tras as rebaixas fiscais aprobadas o pasado ano, polo que se estiman uns ingresos tributarios de 1.162.657 euros, mantendo unha das presións fiscais máis baixas da provincia con 190,38 euros por habitante.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade pecha o segundo orzamento despois da fusión cun superávit de 465.000 euros
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aplica a rebaixa de tres impostos e suprime un cuarto, o ICIO
Por Redacción |
-
O Concello avanza na tramitación do plan especial para a construción da residencia de Carballedo
Por Redacción |
-
Investimento de 306.000 euros para a rehabilitación dos Baños de San Xusto e o local da Banda de Tenorio
Por Redacción |