A Deputación mellorará a estrada que conecta Ribadumia coa Ruta da Pedra e da Auga
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra ten previsto mellorar medio quilómetro da estrada provincial que conecta o centro de Ribadumia coa Ruta da Pedra e da Auga, o espazo que é utilizado por Mariano Rajoy durante as súas estancias en Galicia para practicar deporte.
Uxío Benítez, deputado de Mobilidade, explicou que se quere potenciar a mobilidade peonil e a seguridade viaria a través da creación de novas beirarrúas de 2,5 metros e zonas reservadas a peóns pola marxe esquerda. Tamén se instalarán lombos para calmar o tráfico para que se respecte o límite de velocidade que se establecerá en 30 quilómetros hora.
Segundo a Deputación, actualmente resulta "complicada" a convivencia entre peóns e vehículos nesa contorna. O actual goberno decidiu redactar un novo proxecto de mellora, porque o anterior elaborado na época de Rafael Louzán á fronte da Deputación "incumpría o decálogo de criterios de actuación nas estradas provinciais aprobado en 2016".
Nesta intervención está previsto crear unha zona reservada para os peóns na marxe esquerda dando continuidade ás beirarrúas actuais ata o núcleo urbano de Ribadumia.
Esta obra de mellora da estrada EP-9305 Coirón-Ribadumia-Leiro farase realidade grazas á firma dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ribadumia, cunha achega do 70% e o 30% respectivamento dun orzamento que ascende a 225.000 euros.
A obra contempla o traslado da iluminación pública e da marquesiña de autobús existente, ademais da execución dunha nova rede de pluviais e doutra de fecais separativa.
Relacionadas:
-
Vía libre para a mellora da estrada provincial entre Ribadumia e a Ruta da Pedra e da Auga
Por Oskar Viéitez |
-
Este verán mellorarase a estrada provincial entre Ribadumia e a Ruta da Pedra e da Auga
Por Redacción |
-
Rajoy celebra o aninovo na Ruta da Pedra e da Auga
Por Redacción |
-
Rajoy, fiel á súa cita coa Ruta da Pedra e da Auga tamén en Aninovo
Por Redacción |