Unha axuda da Xunta mellora a depuración de tres lugares de Campo Lameiro
Por Redacción
Preto de 39.000 euros veñen de destinarse ás obras de mellora dos sistemas de depuración de tres lugares do municipio de Campo Lameiro: Painceiros, Couso e Moraño.
Son proxectos que puideron ser executados a través do Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Presidencia e que permitiron dotar de servizos urbanos de abastecemento e saneamento de augas a estes núcleos.
"Con este proxecto pretendeuse mellorar e substituír algunha das infraestruturas dos sistemas de depuración instalados en diversos lugares do concello, como consecuencia do seu deterioro e insuficiencia, controlando así os vertidos e eliminando os riscos medioambientais", explicou o delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís.
No lugar de Painceiros o sistema de depuración constaba dun pretratamento e dun compacto fosa-filtro que se atopaba moi deteriorado e sen posibilidades de arranxo, polo que optouse pola substitución total do sistema existente instalando un novo dimensionado para 100 habitantes.
No caso do lugar de Couso, o sistema anterior que contaba con filtro biolóxico e decantadores secundarios de formigón armado prefabricado tiña varias deficiencias que puideron ser solucionadas mediante a introdución de certas melloras para seu correcto uso, como unha arqueta con reixa de desbaste de aceiro inoxidable, cambio do filtro biolóxico e instalación dun repartidor estático.
Finalmente, no lugar de Moraño, o sistema de depuración constaba dun pretratamento con fosa filtro compacta en poliéster que non permitía que se alcanzaran os valores esixidos, polo que se instalou unha arqueta con reixa de desbaste de aceiro inoxidable para retirar sólidos grosos.
O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que a Xunta puxo en marcha en 2010 e que permite que os concellos galegos poidan beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.