Esquece a súa moza dentro do coche e a Garda Civil rescátaa tras seis horas atrapada
Por Redacción
Preto de seis horas. É o tempo que permaneceu atrapada no interior dun coche unha moza de Bueu. A muller foi rescatada por axentes da Garda Civil despois de que o seu noivo, por un descoido, deixáraa encerrada no seu interior tras asistir xuntos a unha voda.
O curioso suceso produciuse o pasado domingo. A alerta dérona uns clientes que, sobre as dez da mañá, abandonaron o hotel no que se celebrou a voda. Ao chegar ao aparcadoiro, viron á moza encerrada no coche e pedindo axuda para saír.
Non só quedou atrapada dentro. Non era capaz de saír, segundo explicaron varias testemuñas, porque o coche -un Volkswagen Golf- quedou sen batería e non era posible abrilo desde dentro nin baixar os portelos. Ademais, ningún dos dous teléfonos que había no vehículo -o seu e o do seu noivo- tiña batería.
Alertados polo 112, axentes da Garda Civil valoraron forzar a fechadura ou romper o portelo, pero antes optaron por acudir a casa da parella da moza para buscar as chaves do coche. Este estaba a durmir tras a festa desa noite e espertouse ante o balbordo producido pola presenza policial.
Tras conseguir as chaves, os axentes regresaron ao aparcadoiro e liberaron á moza.
Fontes do instituto armado aseguran que a Garda Civil tomou este episodio como un descoido e non se abriron dilixencias de ningún tipo.
A muller tamén rexeitou presentar denuncia ao entender que fora un malentendido e que o seu noivo non se deu conta de que ela estaba dentro do coche cando o pechou e marchou á súa casa.