Música e baile mestúranse na terceira edición do Enxebre Swing Festival de Bueu
Por Redacción
O municipio de Bueu será o escenario, entre os días 17 e 20 de maio, da terceira edición do Enxebre Swing Festival, un festival dedicado á música e aos bailes swing que se celebrará en diiferentes localizacións da vila.
Así o salientaron os organizadores de Swing On School, Jorge Patiño, Laura Rosales e Elena Blanco, e o concelleiro de cultura, Xosé Leal durante unha rolda de prensa celebrada na praza de abastos e na que tamén houbo unha exhibición de baile.
O festival, que contará con clases de baile, festas con banda de swing en directo, ruta guiada por Cabo Home e pasarrúas por Bueu, está organizado por Swing On School, unha escola de bailes vintage americanos que leva seis anos impartindo clases en Bueu, Cangas, Vigo e Pontevedra.
Tal e como destacou Elena Blanco, "este baile destaca polo seu ambiente familiar e como un punto de encontro entre persoas de diversas idades".
Esta idea tamén foi apuntada por Xosé Leal, quen apuntou que o festival "é unha boa oportunidade para gozar dunha cultura e coñecer Bueu e os nosos espazos".
Segundo explicaron, as clases de baile, que se celebrarán entre o Hotel Incamar e unha carpa situada no campo de fútbol da Estacada, estarán dedicadas ao lindy hop e a outros bailes swing, e nelas poderán participar tanto persoas coñecedoras nestes estilos de baile como as que se queiran iniciar.
Estas clases estarán impartidas por profesorado de Swing On School, ademais de que contar con recoñecidas parellas de baile que se desprazarán ata o festival, como son Beatriz Barrientos e Montse Carmona desde Girona, Fosy Rock e Andrea Dhanae dende Vitoria; Abeth Farag dende Lisboa e Javier Santos dende Mallorca.
Ademais, o festival terá dúas festas de acceso libre no Aturuxo Bar, e outras dúas que se celebrarán na carpa do campo da Estacada, estas últimas amenizadas pola banda cacereña Berzosax Ensemble.
Unha das actividades estrela deste evento será o pasarrúas coa mesma banda, que tocará polas rúas de Bueu realizando pequenas paradas nalgúns dos establecementos da vila, con saída dende La Perfecta e continuando polo Leña Verde, O Farol e Aturuxo Bar.
As entradas para as diversas actividades xa se poden adquirir a través da páxina web www.enxebreswingfestival.com e tamén en Aturuxo Bar (Bueu) e Salason (Cangas).