Poio presenta un orzamento "expansivo" de case 12 millóns de euros
Por Anxo Lourido
O orzamento de Poio para 2018 chega a 11,97 millóns de euros, incrementando en 854.000 euros, un 7,68%, o montante do orzamento municipal de 2017.
O alcalde Luciano Sobral, acompañado pola tenente de alcaldía, Chelo Besada e polo concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, explicaba que se trata dun orzamento "expansivo", orientado a garantir os servizos básicos da poboación. Chelo Besada alertaba da importancia que o goberno local dá ás partidas relacionadas coa sanidade, educación e cultura, ademais da os servizos sociais garantindo que todos os veciños teñan garantidas as necesidades básicas.
Barreiro engadiu que se trata da proposta orzamentaria que achega máis recursos propios nas últimas décadas, un dato que entenden que se corresponde co crecemento económico social e demográfico do Concello. Actualmente Poio supera a cifra de 17.000 habitantes.
Neste sentido sinalan, desde o grupo de goberno, que a política económica dos anos previos á crise económica ha evitado que se reducisen os servizos durante estes anos xa que o Concello contaba cun remanente de tesourería próximo aos 6 millóns de euros. Luciano Sobral destacou que se manteñen conxeladas as taxas e rebáixase a débeda municipal en máis de 500.000 euros. Neste sentido, o concelleiro de Facenda lembraba que no últimos sete anos rebaixouse en máis de tres millóns de euros a débeda das arcas municipais, por baixo do 46%.
INVESTIMENTOS
A previsión en investimentos ascende a 896.000 euros, un 152% máis que no ano anterior. Entre as principais apostas atópase a ampliación do cemiterio municipal, que contará cunha partida de 280.000 euros. Para o patrimonio histórico investiranse 195.000 euros mentres que 60.000 estarán destinados a saneamento. 140.000 euros se van investir en viais.
GASTOS
No capítulo de gastos, o goberno local critica a regra de gastos que impón aos concellos o Goberno central de Mariano Rajoy. É unha medida que consideran absurda e que limita as posibilidades de avance dos gobernos locais.
Neste sentido, os gastos de persoal previstos para 2018 apenas varían respecto de 2017 e se recolle o incremento das retribucións aprobadas polo Goberno para os funcionarios dun 2%, ascendendo a 65.000 euros.
Os gastos correntes superarán o 3,6%, alcanzando un 52% do orzamento. Pola súa banda, os gastos financeiros redúcense un 21% debido á redución do capital pendente de pago a entidades bancarias.
INGRESOS
Os impostos directos supoñerán un ingreso de 4,47 millóns de euros, alcanzando o 37,4% do orzamento. A maior recadación do IBI debido á regularización catastral e ao imposto de vehículos de tracción mecánica leva este incremento, que supón un incremento de 17,8% respecto de 2017.
Os impostos indirectos establecen uns ingresos que pasan de 70.000 a 115.000 euros, como consecuencia das estimacións realizadas en relación coa recadación do pasado ano. Nútrese sobre todo do imposto de construcións e obras. Neste sentido, Luciano Sobral espera que se desbloqueen promocións inmobiliarias que levan ao redor de cinco anos atrasadas e que afectan a 300 vivendas.
Pola súa banda as taxas e prezos públicos alcanzan os 3,4 millóns de euros, o 28,3% dos ingresos. As partidas con maior variación son as de licenzas urbanísticas (10.000 euros), a taxa por expedición de documentos (8.000 euros), sancións (20.000 euros) e facturación de auga (22.500 euros).