O Parlamento galego non sancionará a Luis Bará por romper as fotos do Rei
Por Alejandro Espiño
A conduta de Luís Bará, que o pasado mércores rompeu dúas fotografías do Rei Felipe VI durante unha intervención no Parlamento galego, non levará sanción disciplinaria algunha ao estar amparado pola liberdade de expresión.
Un informe dos servizos xurídicos da cámara autonómica, que foi analizado pola Mesa do Parlamento, conclúe que Bará como parlamentario ten dereito "a expresar e difundir libremente pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, a escritura ou calquera outro medio de reprodución".
Ademais, engaden que está protexido pola "inviolabilidade" dos deputados á hora de emitir opinións no desempeño das súas funcións.
O que si haberá será unha chamada á orde, que se realizará no próximo pleno. O presidente do Parlamento lembrará a todos os deputados a súa obrigación de respectar as normas democráticas.
Tras coñecer esta resolución, o deputado do BNG explicou que "non me preocupaba moito" que houbese sanción contra el, porque "estaba convencido do que fixen". A pesar diso, entende que se trata dunha decisión "correcta", xa que toda a xurisprudencia existente "vai na liña" de avalar este tipo de comportamentos baixo o dereito á liberdade de expresión.
Luís Bará achacou este procedemento a un intento por parte do PP de aprobar unha medida "exemplarizante" ou impoñerlle un "escarmento" ante a difusión que tivo, a nivel nacional, o xesto que protagonizou no Parlamento.
Este episodio foi tamén protagonista do pleno municipal que a corporación de Pontevedra celebrou este venres no Teatro Principal.
Relacionadas:
-
O PP pedirá a retirada de axudas municipais a Galiza Nova por queimar un boneco coa cara do Rei
Por Redacción |
-
O Rei Felipe VI, protagonista "involuntario" do pleno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Bará racha dúas fotos do Rei no Parlamento: "Romper este retrato é ABC de democracia"
Por Natalia Puga |