Trinta grupos chegados de toda Galicia participarán no Serán de Regodobargo
Por Redacción
O lugar de Regodobargo, en Ponte Caldelas, será a capital galega da música popular durante esta fin de semana. O seu tradicional Serán atrae a máis de 30 grupos que chegarán de todos os recunchos da nosa terra.
O Gran Serán, que dá comezo ás 21.00 horas, está organizado polo grupo Pandereteiras de Regodobargo, un núcleo entusiasta de veciños que continúa co labor emprendido hai xa varias décadas pola "señora Rosa". Hoxe, fillos e algúns netos da fundadora manteñen viva a tradición cun dos máis antigos seráns.
Trátase dunha festa da música, pero que non descoida o corpo, pois repartiranse racións gratuítas de ourella, chourizo, pan e viño. Xa de madrugada, cando as forzas comecen a flaquear haberá chocolate quente con biscoito.
Como é habitual neste formato, o festival prolongarase ata altas horas e polo escenario irán pasando grupos de pandereteiras, cantareiras e gaiteiros en todas as súas variantes e cos máis diferentes estilos.
O Serán conta co patrocinio do Concello de Ponte Caldelas, que se encarga da colocación dunha gran carpa no torreiro da festa, onde tamén instalará o palco e o equipo de son para que todo sexa un éxito. As predicións meteorolóxicas falan de ceos cubertos para o sábado, pero os organizadores xa adiantan que coa carpa non hai temor a unha choiva que, por outra parte, dubidan moito que se atreva a aparecer.
O grupo de pandereteiras visitou o Concello e presentoulle a actividade ao alcalde, Andrés Díaz, quen, en nome de todo o goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) agradeceu á veciñanza de Regodobargo o seu esforzo por manter viva esta tradición e darlle un pulo constante. O Serán, subliñou, ten garantida a súa continuidade.
O alcalde tamén destacou que coa nova Casa da Cultura os veciños gañaron un espazo digno para os ensaios, ademais da celebración de todo tipo de actos. De feito, este local utilízase agora como apoio para a celebración do Serán, dado que a carpa colócase xusto ao lado.