Pontevedra inicia os trámites para contratar catro persoas para os composteiros
Por Redacción
O Concello de Pontevedra vén de poñer en marcha o proceso para a contratación de catro traballadores que se encargarán da implantación da compostaxe na cidade.
En concreto, ofértanse catro postos de traballo: un do Grupo A1 e tres do Grupo C1.
As bases xa están publicadas e os interesados teñen un prazo de dez días para presentar a solicitude para participar neste proceso de selección de persoal.
O seu obxectivo será atender o crecente número de centros de compostaxe que hai na cidade e seguir avanzando no despregue do sistema alternativo de tratamento de biorresiduos, xa que o persoal do Plan Revitaliza da Deputación asignado a Pontevedra comeza a non dar abasto.
Este persoal propio do Concello sumarase aos mestres composteiros do Plan Revitaliza e os bolseiros que poida incorporar a Deputación.