Ciencia e literatura combínanse en Bueu nunha feira para escolares
Por Redacción
Dúas disciplinas moi diferentes pero non contraditorias daranse a man en diversas actividades que se acollerán nunha carpa na Praza Massó de Bueu durante a primeira edición da Feira da Ciencia e da Literatura que se desenvolverá durante todo o sábado 14 de abril.
A idea de unir literatura e ciencia partiu de dúas profesoras do IES Johán Carballeira, Carmen Miñambres e Luisa Conde, que decidiron crear unha proposta que una o mellor de cada unha destas materias. Este xoves, o alcalde Félix Juncal e a concelleira de Educación, Teresa López, acompañados por Adoración de la Fuente, inspectora de Educación e da directora do centro, Teresa López, presentaban este evento que comezará a partir do mediodía do sábado.
A proposta conta cunha parte solidaria, grazas aos agasallos que foron elaborados por diversos colectivos para doar a escolares que se atopan refuxiados.
Os menores poderán coñecer a temática dos morcegos a través da figura de Batman ou a importancia das vacinas. Traballos dunha autora como Susana Fortes axudarán a descubrir novos mundos para os máis pequenos e non faltarán referencias ás matemáticas, a Marte, a especie humana ou o mundo de Nemo, a través do clásico de Xullo Verne, '20.000 leguas de viaxe submarina'.
Baixo a carpa desenvolveranse sesións de contacontos, obradoiros sobre o mar ou sobre os libros de Xullo Verne nunha ampla programación. Ademais realizaranse charlas sobre desfibriladores ou sobre astronomía.