"Vén cear con nós", invitación do BNG a quen queira que a cidade "siga avanzando"
Por Alejandro Espiño
Un encontro para "facer un alto no camiño", reflexionar sobre "todo o que se fixo" e tomar impulso para "seguir avanzando". Con ese obxectivo, o BNG organizou unha cea "aberta a toda a cidadanía" que se celebrará o venres 4 de mayo no Recinto Feiral de Pontevedra.
A este evento están convidados, explicou Miguel Anxo Fernández Lores, todos aqueles que queiran "falar e achegar cousas" para lograr entre todos un "futuro mellor para a cidade".
"Queremos que nesta cea estea todo o mundo, toda Pontevedra representada", sinalou o alcalde, que matizou que esta cea non é un evento só para xente afiliada ao BNG, senón que se espera a asistencia de empresarios, traballadores, representantes do tecido asociativo, cultural e deportivo de Pontevedra ou cidadáns a título particular.
A este respecto, Fernández Lores destacou que "canta máis xente mellor porque necesitamos as súas achegas para que esta cidade avance cada vez máis", ao entender que o modelo urbano de Pontevedra "trascende" ás persoas e ás propias forzas políticas.
Para os próximos anos, o goberno municipal busca que a cidade poida dar un "salto adiante", algo para o que "temos os bimbios" pero faise necesaria a participación de "moita xente que non se achegou ou que non aportou cousas e queira facelo".
"Hai moita xente mirando para nós", destacou o alcalde, que percibe en Pontevedra unha "próxima explosión a todos os niveis", porque aprecia que cada vez hai un maior número de persoas "que aspira a vivir e a traballar en Pontevedra e iso non percibíase hai unha década".
Na presentación, Fernández Lores estivo acompañado de Anabel Gulías que se mostrou convencida de que "o mellor de Pontevedra está por vir", para o que pediu a implicación de toda a sociedade pontevedresa.
"Os avances que faga a nosa cidade ten que ser traballando, cóbado a cóbado, todas as persoas que aquí vivimos", engadiu.
Todas as persoas que queiran asistir á cea, que ten un prezo de quince euros, poderán dirixirse á sede do BNG, situada na rúa Marquesa 3, ou poñerse en contacto a través do teléfono 986 866205.