Ampliar Anafáns é, de novo, a opción do Sergas para o centro de saúde de Poio
Por Alejandro Espiño
Un "parche malo". Así describen desde o goberno municipal de Poio o proxecto de ampliación do centro de saúde de Anafáns polo que, unha vez máis, volve apostar o Servizo Galego de Saúde (Sergas), en detrimento da construción dun centro novo.
Os edís de Facenda e Urbanismo, Xulio Barreiro e Gregorio Agís, foron os encargados de desvelar que o Sergas remitiu ao Concello o proxecto para ampliar Anafáns, que fora inicialmente descartado.
Ambos destacaron que, urbanisticamente, a ampliación é "viable" e así o informarán os técnicos municipais, pero reiteran que esta medida "non resolve" a problemática que en materia de atención sanitaria existe no municipio.
O goberno municipal lamenta que o Sergas "sen previo aviso cambie de criterio" e descarte a construción dun centro de saúde novo, para o que o propio Concello ofertara ata tres parcelas diferentes, optando por unha situada en San Salvador.
Barreiro explicou que esta ampliación "é mellor que nada", pero criticou duramente que o Sergas proxecte un Montecelo "para os próximos 50 anos" e, no caso de Poio, aposte por un centro de saúde "para cinco meses", xa que en Anafáns "non hai espazo" para ofrecer a atención sanitaria "que Poio merece".
En todo caso, o equipo de goberno témese que este cambio de postura no Sergas "é unha estratexia para gañar tempo" e non realizar investimento algún en Poio, unha política que a Xunta levou a cabo, denunciaron, con outros proxectos como a reforma da PO-308, a depuradora, a mellora dos portos de Raxó ou Covelo ou o polígono de Fragamoreira.
"Poio merece un centro novo que teña todos os servizos que estaban no borrador do convenio", engadiu Gregorio Agís, que entende que detrás desta medida está a negativa do Concello ao peche dos consultorios de Raxó e Combarro, que o Sergas pretendía eliminar para concentrar toda a atención sanitaria nas novas instalacións.
Ese, segundo os dous edís, é o "problema real" que impide que o novo centro de saúde "siga adiante". O peche dos centros periféricos é "fundamental" para o Sergas, engadiron, e para iso "non dubidan" en recuperar un proxecto que supoñería "malgastar os cartos".
En todo caso, o Concello de Poio poñerase en contacto co Sergas para pedir que rectifiquen e volvan considerar a construción do novo centro de saúde, mantendo a atención sanitaria actual nos consultorios de Raxó e Combarro.
Relacionadas:
-
A plataforma de San Salvador ve un "remendo" no proxecto para ampliar o centro de saúde de Anafáns
Por Redacción |
-
Poio axusta a edificabilidade da parcela de Anafáns para que o Sergas amplíe o centro de saúde
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de San Salvador piden que se salde a "débeda histórica" coa parroquia
Por Redacción |
-
O PP insta a Poio a respectar os "compromisos" co Sergas para ampliar Anafáns
Por Redacción |
-
O novo centro de saúde, insiste o Sergas, complica o futuro dos consultorios de Raxó e Combarro
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG denuncia o "disparo" das listas de agarda nos Centros de Combarro e Anafáns
Por Oskar Viéitez |
-
Unha parcela en San Salvador, a que "máis gusta" para o novo centro de saúde de Poio
Por Alejandro Espiño |