O Hospital Provincial acolle as xornadas de Párkinson
Por Redacción
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, acompañado da presidenta da Asociación de Párkinson da provincia de Pontevedra, Begoña Cerqueiro, inaugurou este mércores a XII edición das xornadas de Párkinson no Hospital Provincial.
O evento, organizado pola mesma asociación con motivo da celebración do Día Mundial do Párkinson, deu comezo coa conferencia da neuróloga do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra a doutora Iria Cabo, quen abordou os síntomas non motores da enfermidade do Párkinson.
A mesa redonda de expertas continuou coa exposición "Consellos prácticos para afrontar a Enfermidade de Párkinson", da auxiliar de Neuroloxía do hospital pontevedrés María José González; a neuropsicóloga Iria Portela tratou os procesos de aceptación da enfermidade e, por último, as fisioterapeutas Tamara Souto e Cristina Díaz-Pache abordaron os síntomas motores da doenza.
A Deputación de Pontevedra súmase este mércores á celebración deste Día Mundial do Párkinson, co obxectivo de reivindicar unha maior sensibilización e concienciación sobre a enfermidade.
O goberno provincial participará en actividades organizadas para manifestar o apoio institucional da Deputación ás familias e persoas afectadas.
En total, en Galicia hai máis de 13.000 persoas con párkinson das cales o 25% viven na provincia de Pontevedra.