O PSOE e a Fundación Luis Tilve celebran o Día da República cunha ofrenda floral e unha mesa redonda
Por Redacción
A agrupación municipal do PSdeG-PSOE de Pontevedra, en colaboración coa Fundación Luis Tilve, volverá celebrar este ano o Día da República para conmemorar a proclamación da II República o 14 de abril de 1931 cunha serie de actos que incluirán unha ofrenda floral e unha mesa redonda.
Os organizadores convidan aos pontevedreses a participar nos actos, previstos o vindeiro venres 13 de abril a partir das 18.00 horas.
Ás 18.00 horas está previsto no cemiterio municipal de San Amaro unha ofrenda floral e unha homenaxe a Ramiro Paz Carbajal, impresor e dirixente socialista represaliado en 1936.
A continuación, ás 19.30 horas, no paraninfo do instituto Valle-Inclán de Pontevedra está prevista unha mesa redonda sobre a República na que participarán José Benito Gama Calvo, presidente da agrupación socialista municipal de Pontevedra; Roxelio Pérez Poza, secretario da Fundación Luís Tilve; Aurora Marco López, investigadora e ensaísta; e Natalia Fraguas Fernández, historiadora e conservadora do Museo de Pontevedra.