O PP insta a Lores a reunirse cos veciños de Eduardo Pondal
Por Redacción
A polémica dos composteiros en Pontevedra non parece ter un final a curto prazo. Tras a indignación dos veciños de Eduardo Pondal ante a instalación dunha estación de compostaxe nesta rúa e o apoio do Partido Popular ás queixas, o portavoz Jacobo Moreira informou de que no próximo pleno municipal pediralle explicacións ao alcalde sobre este tema.
O grupo popular afirma apoiar ás "cada vez máis persoas que expresan o seu malestar sobre esta imposición do goberno de Lores", e acúsaos de utilizar á Policía Local para amedrentar os veciños que saen á rúa para protestar.
Moreira insta o goberno local a "deixar de buscar escusas e falsear información" e denuncia unha "actitude autoritaria e caciquil, máis propia doutros tempos que pensabamos que Lores quería esquecer".
A este respecto, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que a instalación dos módulos comunitarios de compostaxe é unha "decisión política" como foi no seu día a peonalización da cidade. Engadiu que se están colocando "onde os demanda a xente", aínda que entende que neste tipo de temas "nunca hai unanimidade".
Fernández Lores citou como "obxectivo" o feito de que o goberno municipal tivo que ampliar o número de composteiros porque se encheron "antes do previsto" e volveu a negar que produzan molestias para os cidadáns porque "está demostrado que non cheiran".
Relacionadas:
-
Moreira critica que se estean "desperdigando" pola cidade "miniplantas" de compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
A protesta contra os novos composteiros que quedou diluída
Por Clara Alonso & Sara López Lago & Anxo Lourido |
-
Os composteiros de Ponte Boleira e Camiño do Ferro, en funcionamento desde mañá
Por Redacción |
-
Veciños de Eduardo Pondal e Ponte Boleira paralizan durante dúas horas a instalación dos composteiros
Por Anxo Lourido |
-
Da Silva acusa ao PP de organizar un "ataque coordinado" para "boicotear" a compostaxe
Por Alejandro Espiño |