Unha persoa resulta ferida ao envorcar o seu vehículo e quedar atrapada dentro en Salcedo
Por Redacción
Efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra colaboraron este luns cos servizos sanitarios de urxencia para rescatar unha persoa con dificultades para saír dun vehículo que se accidentou na parroquia pontevedresa de Salcedo.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse uns minutos antes das cinco da tarde no lugar da Almuíña, en Salcedo.
Por causas que aínda non se facilitaron, un vehículo saíuse da vía e quedou envorcado xusto polo lado no que se atopaba a persoa que resultou ferida.
A persoa quedou atrapada, de modo que foi necesaria a axuda dos bombeiros para facilitar aos servizos sanitarios a atención do ferido. Finalmente, sacárono polo portón traseiro.
Ademais dos bombeiros e do equipo das 061-Urxencias Sanitarias, acudiron ao lugar do accidente os axentes da Garda Civil de Tráfico, alertados polo persoal do 112.