O Concello adxudica a redacción do proxecto básico e de execución do Pazo de Quintáns
Por Redacción
Despois do proceso de licitación, esta semana o Concello de Sanxenxo adxudicou e asinou o contrato con Mario Crecente e Asociados Consultores para a redacción do proxecto básico e de execución para a rehabilitación do Pazo de Quintáns.
Hai un prazo máximo de 39 días para a redacción deste proxecto, aínda que a empresa confía en poder reducir substancialmente o prazo de entrega do documento final. O proxecto que se redactará conta cun orzamento de 40.000 euros, o que supón unha rebaixa dos 10.000 euros con respecto ao prezo inicial de licitación.
O obxectivo deste proxecto é describir todos os traballos que se van a realizar no pazo e os estudos que sexan necesarios para a execución dos mesmos. Todo para poder levar a cabo a rehabilitación do Pazo de Quintáns.
Este proxecto debe levar consigo o informe favorable do servizo de patrimonio da Xunta de Galicia, que permita actuar nesta parcela de 8.500 metros cadrados, debido a que, ademais das edificacións principais, abarcaranse os patios, a muralla e os xardíns que as rodean.
A filosofía principal do proxecto será manter as estruturas orixinais do pazo, non derrubando fachadas nin cubertas, nin modificando ocos nin abrindo outros novos. En definitiva, non se fará ningún cambio que modifique a súa composición orixinal.
Dentro do equipo técnico que redactará este proxecto estarán licenciados en historia, arqueoloxía e enxeñeiros que acrediten experiencia en traballos con bens declarados de interese cultural, debido ás características e singularidades que presentan.
A REHABILITACIÓN
A rehabilitación do Pazo de Quintáns será unha realidade grazas a unha axuda de 903.000 euros que o Ministerio de Fomento destinará ao proxecto de recuperación e posta en valor do patrimonio histórico.
A comisión mixta do 1,5% Cultural, integrada polos ministerios de Fomento e de Educación, Cultura e Deporte aprobou este financiamento por mor dunha convocatoria publicada en xullo de 2017.
Así, coas partidas reservadas nos orzamentos municipais 2017 e 2018, de 140.000 euros e 340.341 euros, respectivamente e os 903.000 euros financiados a través do ministerio, o proxecto de rehabilitación será unha realidade.
O Pazo de Quintáns, é unha construción espectacular e á vez singular cos excepcionais miradoiros abertos no recinto da horta, o miradoiro na cornixa do xardín barroco ou a galería aberta. Consérvanse neste conxunto, o pazo, a capela, as construcións auxiliares e o hórreo; ademais dos espazos verdes: patrios, praza frontal, xardín e horta murada, todos eles cunha configuración adquirida desde finais do século XVI, como unha posible evolución da torre do Casal de Moldes e no seu caso herdeira da súa relevancia histórica.
O estado actual de conservación do pazo é malo, polo abandono sufrido de forma prolongada, que derivou nun proceso grave de deterioración material e estrutural, producíndose tamén o colapso nalgunhas partes da cuberta e forxados do mesmo.
A intención do proxecto é habilitar no pazo o Museo da Paisaxe Cultural da Lanzada, como unha Sala do Museo de Pontevedra que presente o conxunto patrimonial da antiga xurisdición a partir dos achados do sitio arqueolóxico da Lanzada, combinado cun programa de dinamización no que participe a poboación e o tecido social local.
Relacionadas:
-
Os xardíns do Pazo de Quintáns, en plena limpeza
Por Redacción |
-
Sanxenxo dispone de 1,9 millones de euros para la rehabilitación del Pazo Quintáns
Por Redacción |
-
Luz verde de Patrimonio á rehabilitación do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Fomento destina 903.000 euros para a rehabilitación do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Sanxenxo quere convertir o Pazo Quintáns nun museo cultural da Lanzada
Por Redacción |
-
O Pazo Quintáns, a un trámite de ser declarado BIC
Por Redacción |