O PP di que "a polémica do WhatsApp" foi unha "colaboración entre alcaldes"
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular acusa á presidenta da Deputación, Carmela Silva, de "agochar detrás dunha invención sobre un suposto grupo de WhatsApp o verdadeiro problema co que se enfronta" que segundo sinalan nun comunicado difundido este sábado.
Non é outro, segundo os populares, que "o lío monumental que ten cos alcaldes da provicia, incluídos os do Partido Socialista, pola falla de información e o seu desexo de interferir continuamente na autonomía municipal coa posta en marcha de proxectos como o Plan DepoRemse".
Durante o pleno deste venres a presidenta da Deputación Carmela Silva dixo que os alcaldes do PP mandaran equivocadamente a un alcalde socialista información sobre o Plan DepoRemse.
Este sábado os populares confirman que si houbo tal traspaso de información e que o alcalde da Lama e deputado provincial do Partido Popular, Jorge Canda, pasou as bases a un alcalde socialista, concretamente ao de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, "pero non por WhatsApp, senón que foi o propio Lage quen se desprazou ao Concello da Lama, con cuxo rexidor mantén unha boa relación desde hai anos".
Esas bases non eran as definitivas, posto que aínda non foran aprobadas.
Así, os populares circunscriben "a polémica do WhatsApp" á "colaboración entre alcaldes" de dous concellos limítrofes.
"Como Carmela Silva non se leva ben sequera con moitos compañeiros do seu partido, pode parecerlle incrible que dous alcaldes de distinta cor política teñan boa relación. Esa boa relación é a que debería de proucuparse ela de manter, cando menos, cos alcaldes socialistas. Porque xa é triste que os alcaldes do PSOE teñan que pedir os datos aos diputados do PP", di o escrito remitido polo PP provincial.
Os populares aseguran que un día antes do pleno algúns alcaldes socialistas forzaron unha reunión para expresar o seu malestar pola falta de información. Curiosamente, á mesma hora había unha reunión paralela na sede provincial do PP na que se estudaron as bases provisionais do Plan DepoRemse.