O BNG demandará no Parlamento a continuidade do padroado das Colonias Escolares
Por Redacción
Despois de reunirse con representantes veciñais de Laxedo, o BNG ten previsto presentar varias preguntas ao goberno e unha proposición non de lei para deixar sen efecto o acordo de extinción do Padroado e demandar a reformulación do proxecto, a recuperación dos edificios que actualmente están abandonados e o estudo de diversas posibilidades para a súa dinamización.
Logo da publicación no DOG do anuncio do acordo de extinción e posterior liquidación da fundación, o deputado nacionalista Luís Bará anuncia a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias que teñen como finalidade lograr a continuidade e reformulación do Padroado, a recuperación dos edificios e a dinamización do proxecto.
Para Bará houbo "irregularidades manifestas" na xuntanza do Padroado na que se acordou iniciar o procedemento de extinción da Fundación Padroado de Colonias Escolares de Pontevedra.
Segundo Luis Bará hai moitos puntos escuros no acordo adoptado, como o que fai referencia ás contas da fundación e á distribución dos seus bens. A este respecto, na acta recóllese a proposta do presidente de trasladar ao Protectorado de Fundacións a disponibilidade do concello da Lama a facerse cargo do patrimonio e xestión da fundación.
Para o BNG, esta é unha alternativa inviábel pola carencia de medios e mesmo de competencias do Concello para facer fronte a un proxecto desta natureza. O lóxico, di o grupo nacionalista, sería ou ben ampliar o padroado coa integración de diversas entidades e institucións, ou crear unha nova entidade pública e sen ánimo de lucro que se faga cargo dos bens e das finalidades sociais e educativas das Colonias Escolares.
Coas iniciativas que se van presentar no Parlamento, o BNG pretende rematar co proceso de abandono e deterioro que sofren os bens do Padroado situados na parroquia de Covelo (A Lama) e estudar as vías para o renovación, relanzamento e dinamización do proxecto.
Relacionadas:
-
Rexeitamento do PP no Parlamento a manter a fundación das colonias de Covelo
Por Redacción |
-
A Lama presenta un contencioso-administrativo contra a extinción do padroado de colonias escolares de Covelo
Por Redacción |
-
Jorge Canda suma o apoio de Carmela Silva para salvar as Escolas de Covelo
Por Redacción |
-
Unanimidade na Lama para recorrer a disolución do padroado das colonias escolares de Covelo
Por Redacción |
-
Jorge Canda propón á Xunta a posibilidade de que o Concello asuma as colonias de Covelo
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama reacciona contra a intención da Xunta de extinguir e liquidar a Fundación Colonias Escolares
Por Oskar Viéitez |