O PP sospeita dunha "onda de privatizacións" no Concello de Poio
Por Redacción
O PP de Poio solicitou esta semana formalmente aos técnicos municipais un informe para coñecer o listado de cargos de confianza designados polo goberno local desde que tomou posesión en xuño de 2015, así como as súas retribucións e as concellerías e funcións ás que están adscritas.
O escrito tamén pide información sobre as empresas que prestan ou prestaron durante o actual mandato "servizos de consultoría e asistencia técnica", así como o importe dos seus contratos e, como no caso anterior, as áreas ou consellerías das que dependen ou coas que traballan.
Para a concelleira Rocío Cochón, a información solicitada é "moi valiosa e nos permitirá valorar con máis exactitude o que está a facer este bipartito", un goberno cuxos integrantes, segundo Cochón, "acostuman a criticar a outras administracións pero son os primeiros en privatizar os servizos que presta o concello, a miúdo con resultados máis que discutibles".
Cochón recordou o uso crecente de persoal e empresas externas por parte do Concello en todas as áreas, e apuntou a unha "onda de privatizacións" por parte do goberno local.
"Cando nos entreguen este informe e saibamos todos os importes e os números deste goberno, nos enteraremos de ata que punto lles gusta privatizar", sinalou.