Denuncian o abandono do parque e os accesos do auditorio Emilia Pardo Bazán
Por Redacción
Os socialistas de Sanxenxo denunciaron este venres o estado de deterioración e abandono no que se atopan o parque e os accesos situados á beira do auditorio Emilia Pardo Bazán.
Neste espazo, aseguran, a vexetación campa ás súas anchas tanto polas beirarrúas como polo propio parque co consecuente perigo para os viandantes, as árbores están sen podar e as beirarrúas atópanse en mal estado.
Ademais, sinalan que os estanques parecen cloacas e que hai un rexistro que contén cables eléctricos atados cun cordel de maneira moi precaria, algo que poden carrexar perigos innecesarios a toda a poboación infantil que pasa por alí.
Desde o PSdeG-PSOE, lembran que esta é unha zona de paso importante debido ao gran número de vivendas habitadas, tanto no inverno como no verán, e ás visitas ao auditorio, a pesar do cal a única beirarrúa existente está chea de fochas e restrollos.
Este espazo "non é aproveitado pola falta de vontade política", sinalan os socialistas, que o ven como un lugar que podería ser de goce e esparexemento de todas as persoas que acoden a diario a este centro cultural que, engaden, que está preto do colexio Florida.