Pintan novas marcas horizontais na vía Fentáns-Praderrei
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de comezar a segunda fase das accións de reforzo da seguridade vial na estrada que une San Xurxo de Sacos coa parroquia de Praderrei, en Campo Lameiro, pasando polo lugar de Fentáns.
No marco das mesmas, vaise proceder á dotación de novas marcas de sinalización horizontal no treito entre Fentáns e o límite co municipio veciño.
A día de hoxe estanse limpando as marxes desta vía municipal, de máis de dous quilómetros de lonxitude, para posteriormente, e cando a climatoloxía o permita, realizar o pintado de todo este treito tanto nos laterais como na parte central divisoria dos carrís.
O Concello xa realizou esta mesma actuación no treito entre San Xurxo de Sacos e a ponte de Fentáns, mellorando as condicións de seguridade vial, especialmente en circunstancias de pouca visibilidade. Agora, e tras a recente mellora da capa de rodadura do segundo treito, entre Fentáns e o límite con Praderrei, vaise completar a actuación coa mencionada sinalización de marcas horizontais.
O presidente municipal, Jorge Cubela, quixo salientar a importancia desta obra "para conferir un óptimo estado a esta pista de conexión intermunicipal" e destacou que as infraestruturas internas e de enlace da aldea de Fentáns e a súa contorna suman máis de 230.000 euros de investimentos neste mandato.