Retiran a licenza dous anos a dous pescadores furtivos por capturar un salmón con chip de seguimento no Lérez
Por Redacción
Dous veciños da parroquia pontevedresa de Xeve deberán pagar senllas sancións de 15.000 euros e perderán a súa licenza de pesca por un período de dous anos tras ser denunciados pola Xunta de Galicia por supostamente capturar un salmón no río Lérez de forma furtiva.
Segundo publica este luns o xornal Diario de Pontevedra, estes feitos denunciados remóntanse a maio de 2010 e os dous pescadores foron 'pillados' por un axente forestal da Consellería de Medio Rural cando capturaban o exemplar nas inmediacións da presa da parroquia de Bora.
O salmón en cuestión levaba unha marca de seguimento por radiocontrol instalada pola Xunta de Galicia no marco dun programa para estudar o ciclo migratorio da especie. Tan só levaban o chip tres exemplares no río Lérez.
Un axente forestal presenciou a captura dun salmón e como os seus dous pescadores abandonaban a presa de Bora a bordo dun Audi. Empezou un proceso de segumiento e comprobou que o exemplar en cuestión levaba a marca de seguimento, que lle instalaran tan só dous dias antes, de modo que pediu reforzos.
Finalmente, déronlle o alto aos dous pescadores furtivos no exterior da casa dun deles, onde recibían o sinal de alerta do chip. Os dous sospeitosos negáronse a facilitar o exemplar, de modo que foi alertado o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil, que acabaron localizando o receptor que levaba dentro do salmón nun regato situado a escasos metros da vivenda.
A Xunta e o Seprona denunciaron aos dous veciños de Xeve, que seguen mantendo a súa inocencia e agora levaron o caso ao Xulgado, do Contencioso-Administrativo, sempre segundo a versión do citado xornal.