Intelixencia pontevedresa para que todo o kiwi que chega ao super teña a mesma calidade
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, participará nun proxecto europeo orientado á posta en valor do kiwi galego e para mellorar a súa comercialización.
Así se desprende de dous convenios de colaboración asinados coas empresas Kiwi Atlántico e Kiwi Atlántico Fincas, que forman parte dun grupo de sete empresas e institucións, seis galegas e unha vasca, acollidas ao programa FEDER-Innterconecta Galicia 2013.
O obxectivo final deste estudo é garantir ao consumidor que o kiwi que adquire no mercado ten exactamente as mesmas características de calidade, é dicir, que cando compra un quilo desta froita se vai atopar non só con pezas uniformes en canto ao tamaño, senón tamén nos seus niveis de azucre, materia seca e dureza e, polo tanto, de sabor e calidade.
O proxecto pretende que esta clasificación uniforme da froita se poida facer por medio de análises non destrutivas, valéndose para iso de sistemas de sensores e intelixencia artificial.
O proxecto busca a maior calidade dos froitos e o control fitosanitario e contribuír á creación dos sensores e mecanismos que se vaian a utilizar para a clasificación mecánica dos kiwis, permitindo que se validen os resultados obtidos de forma tecnolóxica por comparación coas análises da propia estación.
Estes datos van permitir, ademais, que os kiwis se lle poidan presentar ao consumidor cun etiquetado que determine o seu período de conservación, establecéndoo en produto de longa, curta ou media duración. Desta forma, o consumidor saberá se cando adquire un kiwi o vai ter que consumir de forma inmediata ou o poderá ter máis ou menos tempos sen que perda calidade.
A provincia de Pontevedra é na actcualidade a principal produtora de kiwi de España. En Galicia hai máis de 400 hectáreas de cultivo, cunha produción anual que rolda as 7.000 toneladas, das 12.000 que se producen no país. Pontevedra concentra o 70% da produción de Galicia, máis da metade nos concellos de Tomiño, Oia, O Rosal e A Guarda.