As palilleiras cítanse para este domingo en Portonovo
Por Redacción
O XI Encontro Internacional de Palilleiras, organizado pola Asociación de Mulleres Rurais Santa Catalina de Portonovo e con colaboración da agrupación As Bolboretas, terá lugar este domingo 8 de abril durante todo o día.
Este encontro xurdiu no ano 2007, como unha actividade incluída dentro da programación da Festa da Raia, pero o evento consolidouse co paso dos anos tendo data propia no mes de abril debido ao éxito das primeiras edicións.
A carpa instalarase na zona portuaria da vila e desde a organización decorarana cunha exposición de traballos realizados, non só polas propias palilleiras de Portonovo, senón de toda a provincia. Xogos de cama, roupa de bebé, complementos como pulseiras ou aneis son algúns dos artigos que estarán expostos como mostra de todo o que se pode facer con palillos.
A carpa abrirá as súas portas ás 10.00 horas coa recepción das palilleiras.
Desde as 14.00 ata as 16.00 horas farase un descanso para comer. O evento reanudarase ás 16.00 horas e continuará ata as 19.00 horas cunha entrega de premios.