O Parlamento aproba unha iniciativa conxunta para demandar a Fomento a mellora da seguridade na N-550
Por Oskar Viéitez
O Parlamento galego aprobou este xoves en comisión unha iniciativa conxunta dos catro grupos parlamentarios para mellorar a seguridade na N-550.
A proposta aprobada pídelle á Xunta que se dirixa ao Goberno do Estado para demandar beiravías transitables, sinalización vertical coa obriga de adiantar afastándose 1,5 metros dos ciclistas como mínimo cada dous quilómetros no tramo Bértola - Pontevedra, ou a redución a 50 quilómetros por hora no tramo de concentración de accidentes.
Tamén inclúe a mellora da iluminación en toda a estrada, así como o fomento do uso da estrada AP-9 no tramo Vilaboa - Pontevedra para reducir a cantidade de tráfico e o risco de atropelo pola estrada nacional.
Finalmente tamén demanda que o Goberno priorice a vía verde para a mobilidade en bicicleta coa cesión por parte de Adif de vías ferroviarias sen uso no tramo Pontevedra - Ponte Sampaio.