Catro rutas para achegarse ao marisqueo nas Rías Baixas
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra acaba de poñer en marcha catro rutas gratuítas que, baixo o título 'Marisqueo nas Rías Baixas', permitirá ás persoas participantes achegarse ao traballo das mariscadoras desde unha vertente teórica e práctica. A actividade desenvolverase os días 14, 15, 28 e 29 de abril ás 10.00 horas desde Carril, en Vilagarcía de Arousa.
Cada ruta incluirá unha charla informativa sobre a actividade e nun obradoiro práctico de marisqueo nas augas da Ría, co apoio das mariscadoras de AmarCarril. As prazas son limitadas, entre 20 e 25 por cada sesión.
As persoas interesadas xa poden presentar a solicitude de inscrición desde este xoves para as rútas dos días 14 e 15. Deben formular a súa inscrición a través do correo electrónico medioambiente@depo.es antes do 16 de abril. As rutas dos días 28 e 29 de abril abrirán o prazo de inscrición a partir do día 16 de abril e ata o 26.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que cada unha das rutas terá unha hora de duración. Na primera parte da sesión ofrecerase unha charla de 30 minutos na que se explicará a historia do marisqueo en Carril e a situación e garantías sanitarias e de calidade dos produtos e se concienciará sobre a problemática que afecta ao marisqueo, entre a que se atopan as vagas de lumes como a vividos en outubro pasado que danou enormemente aos bancos marisqueiros. Tamén se incidirá nunha labor de sensibilización sobre o necesario coidado e respecto ao medio ambiente e medio mariño.
A segunda parte da ruta, de 30 minutos, será un obradoiro práctico de marisqueo no que as persoas contarán co material necesario para levar a cabo a actividade (chuvasqueiro, luvas e rastrelos) e o apoio das mariscadoras de AmarCarril, que exercerán de monitoras.
Carmela Silva destacou a importancia das rutas 'Marisqueo nas Rías Baixas' que "combinan a vertente turística coa ambiental, sensibilizando deste xeito á poboación local sobre a conservación e posta en valor dos nosos activos turísticos e das nosas rías como un recurso cun enorme potencial, que debemos optimizar de xeito sustentable".
Carmela Silva tamén agradeceu a predisposición das mulleres de AmarCarril que "son un firme reflexo do carácter loitador e humilde das mulleres pontevedresas, exemplo de tenacidade, esforzo e traballo conxunto para sacar adiante proxectos de éxito e converter a unha actividade como o marisqueo, nun referente económico fundamental na meirande parte das zonas costeiras de Pontevedra".