Cubela pide axuda policial para localizar os "desalmados" que fan vertedoiros incontrolados
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai requerir os servizos e o apoio da Policía Autonómica para localizar os autores de diversos vertedoiros incontrolados de lixo que están a proliferar por algúns puntos do municipio.
O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou este mércores que pedirá este apoio porque quere que se descubra aos responsables e respondan por estes graves feitos e tamén que a poboación tome nota destas malas prácticas e aumente o seu grao de concienciación para respectar o medio ambiente.
Cubela quixo destacar que a práctica totalidade dos veciños son moi responsables co medio ambiente e co tratamento de lixo e que as súas críticas van dirixidas a "uns poucos desalmados" que, ademais, non sabe se son de Cerdedo-Cotobade ou veñen doutros lugares para crear vertedoiros incontrolados nun territorio privilexiado medioambientalmente.
"Non llo imos permitir", manifestou Cubela, que indicou que este asunto vaise poñer en mans da Policía Autonómica, xa que o seu obxectivo é erradicar estas malas prácticas, pero tamén pide a colaboración veciñal para tratar de axudar na identificación dos responsables destes focos irregulares de depósito de lixo.
O Concello, a través do servizo técnico municipal de Medio Ambiente, descubriu nestes días, tras unha exhaustiva labor de inspección polo termo municipal, novos vertedoiros incontrolados e ten localizados ata un total de oito no último ano. Ademais, algún deles foi limpado e reapareceu en menos dun mes.