O curso de "mestre composteiro" convértese en título propio da Universidade de Vigo
Por Oskar Viéitez
O curso de formación de mestres composteiros organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza de compostaxe é xa un título propio da Universidade de Vigo. Así o confirmaron este martes a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o reitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato no acto de benvida que se celebrou nas instalacións da Cidade Infantil de Príncipe Felipe para os 30 estudantes deste novo ano académico.
De feito, previamente ao acto oficial de inicio do curso os dirixentes asinaron no Pazo provincial o convenio polo que a Universidade de Vigo colabora na organización da formación (cun orzamento que supera os 29.000 euros), será responsable da tutorización, e expedirá os correspondentes diplomas ao alumnado.
Segundo explicou Salustiano Mato o da "Facultade da compostaxe" trátase dunha titulación dentro da categoría de "curso de formación", que outorga unha acreditación universitaria que complementa e matiza tecnicamente outros estudos como poden ser Bioloxía, Química ou Ciencias Ambientais, entre outros. Así mesmo, segundo explicou o reitor, unha vez instaurada xa formalmente a titulación, logo de que remate o actual curso, iniciaranse os trámites para convalidar as dúas edicións anteriores.
Na edición de 2018 da "Facultade da compostaxe" que acaba de comezar téñense introducido novidades, tanto melloras na parte teórica (con poñentes estranxeiros, estatais e nacionais da Universidade de Vigo) como na parte práctica, sobre todo porque incorpora unha parte de laboratorio que se vai desenvolver no campus do CUVI , na que o alumnado poderá analizar os procesos de compostaxe.
Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera instou ao alumnado da nova promoción a tirar proveito da formación que se lles oferta porque lles vai abrir "máis posibilidades e expectativas das que poidades imaxinar" no ámbito laboral grazas á súa esixencia e intensidade. "Este mundo que se abre no tratamento dos residuos xa non ten volta atrás", finalizou.
"Éncheme de orgullo cando me din que somos a referencia e o proxecto máis avanzado neste ámbito, cando temos recoñecementos europeos e están a chamar aos nosos técnicos doutras administracións para que participemos en xornadas explicativas", indicou a presidenta Carmela Silva.
A presidenta tamén fixo unha chamada de atención aos que critican o plan de compostaxe provincial: "Que saiban todas as administracións e os que nos cuestionan que nós non imos parar".
Relacionadas:
-
Os concellos xa poden solicitar subvencións para contratar mestres composteiros
Por Redacción |
-
Pontevedra inicia os trámites para contratar catro persoas para os composteiros
Por Redacción |
-
Jacobo Moreira: "Nosotros no creemos en los composteiros comunitarios, creemos en los individuales"
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local confía en que os veciños "de boa fe" vexan como os composteiros non causan molestias
Por Anxo Lourido |
-
Veciños de Ponte Boleira opóñense á "inadmisible" instalación dun composteiro fronte a un edificio
Por Redacción |
-
Un "PP cavernícola" e a "fuxida" de Mosquera "co Plan Revitaliza cara a Bruxelas"
Por Oskar Viéitez |