Localizan en Vilalonga unha cadela desaparecida hai cinco anos en Cambados
Por Redacción
A comarca do Salnés viviu esta semana un final feliz dos que xa poucos esperaban. Foi localizada unha cadela que levaba cinco anos desaparecida.
Segundo difundiu o Refuxio de Animais de Cambados no seu perfil de Facebook, varias persoas localizaron o venres en Vilalonga (Sanxenxo) unha cadela abandonada e levárona ao veterinario. Alí púidose comprobar que non estaba abandonada, senón que ten uns donos que levan buscándoa cinco anos.
A cadela puido ser identificada porque levaba microchip. O veterinario ao que foi trasladada a cadela contactou co Refuxio de Animais de Cambados e trasladoulle que a cadela figuraba como desaparecida en Cambados dende que tiña menos dun ano.
Segundo transcendeu, a través do microchip tamén se localizou a súa dona, que estaba " super nerviosa e emocionada" por poder recuperar á súa mascota, se ben "tiña medo de saber cal sería a reacción da cadela cando a vise".